Os Bolechas continúan percorrendo Galicia coa súa colección de guías, á que veñen de sumar a de Mos, que presentarán este domingo, 19 de abril, na carballeira de Santiaguiño.
Este domingo, 19 de abril, os Bolechas presentarán na carballeira de Santiaguiño, en Guizán, unha nova guía: Os Bolechas van a Mos. En caso de chuvia, o acto terá lugar no Multiusos das Pozas. Os irmáns chegarán ás 18:00 horas para saudar a todas as nenas e nenos e presentar o novo conto que narra as súas aventuras polo concello pontevedrés.
No novo título Os Bolechas van a Mos na busca das mellores rosas, que seica se cultivan alí. Braulio quere regalarlle un ramo á súa veciña Lucía, e quere que teña as flores máis fermosas do mundo, por iso chama a Noa, unha amiga mosense que os invita a todos á Festa da Rosa. Alí atoparán as rosas máis lindas. Pero tamén se encontrarán coa Lucía, que está a facer o Camiño de Santiago pola ruta portuguesa, que pasa por Mos.