Gran festa para entregar os 3.000 euros de Debuxa o teu cole

O CEIP do Xurés, de Lobios, celebrou hoxe cunha gran festa a entrega do cheque por valor de 3.000 euros que gañou a clase de 1º de primaria no concurso Debuxa o teu cole. Todo o Universo Bolechas estivo no centro ourensán para celebrar cos pequenos o gran día.


07 de febreiro de 2014



Os Bolechas “en persoa” acudiron a Lobios, Ourense, a entregarlle ao colexio de educación infantil e primaria do Xurés o cheque por valor de 3.000 euros que gañou a clase da profesora Rosa María Rodríguez López no concurso organizado polos Bolechas e Novagalicia Banco o pasado mes de decembro.

Máis de 2.300 clases e máis de 40.000 estudantes de toda Galicia participaron en Debuxa o teu cole, que se converteu nun dos concursos de maior éxito dos últimos anos e que, ademais dos 3.000 euros para o colexio gañador, repartiu 60 premios en metálico e 60 Bibliotecas Básicas dos Bolechas na modalidade individual.

Xunto cos Bolechas, estiveron cos profesores e alumnos do Xurés responsables de Novagalicia Banco e da Xunta de Galicia, como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, que loubou o concurso e o esforzo realizado por todos os centros que, coa súa participación, demostraron “o importante que é a escola para o correcto desenvolvemento da infancia, o encomiable labor que dsenvolven os mestres e o valor de que a casa e o colexio camiñen da man na educación dos cativos e cativas”.

Pola súa banda, Paz Comesaña, directora de Marketing de Novagalicia Banco, destacou que o concurso é “un exemplo máis do compromiso social” da entidade, que colabora con asociacións e colectivos de todo tipo para desenvolver “proxectos como o que hoxe nos trouxo aquí”.

Aínda que a festa era para os pequenos, os maiores gozaron do Universo Bolechas e do novo autobús de dúas plantas case tanto como os nenos e nenas. Precisamente esta foi unha das primeiras saídas do novo vehículo dos Bolechas, que conta con espazo para múltiples actividades, como comprobaron hoxe os nenos e nenas de Lobios que viviron unha xornada moi especial con toda a ilusión de recibiren o premio e a visita dos seus personaxes preferidos.









Arquivos