Braulio visita a Escola Infantil da Estrada no seu décimo aniversario

Coincidindo co Día Internacional da Infancia a Escola Infantil Municipal da Estrada celebrou os seus dez anos de existencia. Alumnos, profesores e pais gozaron dos actos organizados para a ocasión, entre os que non faltou a presenza dos Bolechas. 




A Escola Infantil Municipal da Estrada abría as súas portas hai dez anos e desde entón foron centos os nenos e nenas que pasaron polas súas aulas. Para conmemorar este décimo aniversario, a escola organizou unha serie de actividades que comezaron arredor das 17.00 horas e contaron coa asistencia de alumnos, pais e profesores, ademais de responsables políticos como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García ou o alcalde da Estrada, José López.

A festa comezou cun magosto ao que lle seguiu unha sesión de contacontos a cargo dun grupo de animación infantil e a intervención dun cantautor. Pero a gran revolución chegou coa entrada de Braulio, que acudiu á gardería estradense no novo coche dos Bolechas. Braulio repartiu diverso material entre os pequenos, como adhesivos, cadernos de actividades, tarxetas para facerse do club..., e saudou a todos os presentes, que non perderon ocasión de facerse fotos con el. 

A súa presenza serviu para clausurar unha xornada festiva á que asistiron moitos dos 160 nenos de 0 a 3 anos que actualmente están matriculados na gardería e que onte cambiaron a rutina escolar por un día de festa en familia.









Arquivos