Esta mañá abrimos na Estrada a mostra sobre a lingua que a Deputación de Pontevedra está a levar por toda a provincia. Ata o día 4 de outubro poderá visitarse na praza do Concello todos os días en horario de mañá e tarde.
A exposición, que permanecerá na praza do Concello da Estrada ata o día 4 de outubro foi inaugurada hoxe polo alcalde da localidade, José López, e o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Ademais no acto participaron xa un grupo de nenas e nenos do CEIP Pérez Viondi.
A mostra propón un percorrido participativo pola riqueza do idioma galego a través duns personaxes que a cativada coñece e identifica plenamente coa lingua propia: Os Bolechas. Ademais de didáctica, a proposta é inclusiva e multisensorial para dar resposta ás necesidades de todas as persoas. Un itinerario guía as visitas a través de varios espazos que convidan á experimentación e á diversión, con xogos, paneis interactivos, zonas táctiles, áreas multisensoriais de luces e cores para estimular a aprendizaxe, e un aula-auditorio para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais.
Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como un caderno de actividades e un libro aventura dos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo.
Horario de visitas
De luns a venres polas mañás serán grupos de escolares da Estrada os que visiten a mostra sobre a lingua organizada pola Deputación de Pontevedra con motivo do Ano da Lingua. Pero polas tardes, e as fins de semana durante todo o día (de 11:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h), a carpa ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' está aberta a todo o mundo.