Celebramos o Día Internacional do Voluntariado con voluntarios e voluntarias de toda Galicia

Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias é o título da guía que se presentou hoxe con motivo do Día Internacional do Voluntariado ante máis de 500 estudantes das catro provincias galegas que participan en accións de voluntariado. 


05 de decembro de 2017



Con motivo do Día Internacional do Voluntariado que se conmemora cada 5 de decembro, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou e fixo entrega a escolares de educación infantil e primaria da guía Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias, un libro que busca sensibilizar a poboación infantil sobre os valores solidarios e a xustiza social.

A guía dos Bolechas está pensada para o alumnado de 3 a 11 anos. O obxectivo é que os máis pequenos se comprometan e participen como axente xerador de cambios. Así mesmo, esta publicación ensínalles a detectar necesidades sociais e a identificar as causas que as provocan dun xeito ameno e divertido. Cada docente poderá axustar o seu contido aos tempos que crea convenientes, co fin de que os contidos teóricos da mesma se materialicen na realidade social, ao tempo que se dá a coñecer entre os máis cativos a realidade do voluntariado e a súa acción social na nosa comunidade a través dos distintos programas operativos que está a impulsar a Xunta de Galicia.

Voluntariado

O voluntariado é unha das formas de participación social máis relevante. É importante que a cativada se familiarice desde unha idade temperá coa acción social e cos beneficios que esta reporta a nivel individual e social. Os centros escolares, lugares de aprendizaxe formal pero tamén de transmisión de valores, constitúen un motor fundamental na súa evolución, de aí o esforzo da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado por promover iniciativas neste eido e potenciar o papel dos escolares en actos coma este.









Arquivos