Chega o “Nadal en familia” dos Bolechas!

Un ano os Bolechas corpóreos percorrerán Galicia durante o Nadal con obradoiros, contacontos, sorteos e multitude de actividades totalmente gratuítas para toda a familia, grazas á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á colaboración de Gadis e da TVG. 


14 de decembro de 2016



Un ano máis Os Bolechas regresan polo Nadal para compartir estas festas coas familias galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, Gadis e a TVG. A sede do Museo Pedagóxico de Galicia acolleu hoxe a presentación da nova xira que leva por nome “Nadal en familia” e que levará entre o 17 de decembro e o 7 de xaneiro a dez localidades da Rede de Dinamización Lingüística diversas actividades de lecer para os máis cativos.

Contacontos, xogos populares, obradoiros de maquillaxe, chapas e debuxo, exposición e concurso de postais son algunhas das propostas que achegue o Nadal en familia dos Bolechas durante as próximas datas, ademais de moitos agasallos no sorteo que se levará a cabo en cada vila entre todas as postais elaboradas ao longo da xornada.

Tanto as actividades como os premiados e as localidades e datas da xira poderán seguirse no web osbolechas.gal/xiradenadal ou en lingua.gal/nadal-en-rede, ademais de nas redes sociais dos Bolechas (Facebook e Twitter), tal como explicou Antonio Couto, de Edicións Bolanda. Con el estiveron na presentación Rosa Vilas, directora da Televisión de Galicia, que un ano máis participa na Xira de Nadal dos Bolechas, e Iria Rodríguez, de Gadis, empresa que se incorpora este ano. Tampouco faltou Valentín García, o secretario xeral de Política Lingüística, promotor do Nadal en Rede no que se enmarca esta actividade. 

Actividades de balde para toda a familia

O Nadal en familia dos Bolechas dará comezo este mesmo sábado, 17 de decembro,  na Pobra do Brollón. O domingo 18 estará en Barbadás, o día 22 en Rianxo, o 23 en Sanxenxo, o 26 en Santa Comba, o 28 en Rois e o día 30 de decembro no Porriño. Xa no mes de xaneiro a xira continuará o día 3 no Rosal, o 4 en Padrón e o día 7 rematará en Barreiros.

En todas as vilas estarán os Bolechas corpóreos saudando e retratándose coas cativas e cativos que se acheguen, así como a Tenda dos Bolechas onde se poderán adquirir todos os produtos da marca, entre eles os libros das coleccións Formato clásico, Libro+Peluche ou a recentemente presentada As miñas primeiras Letras Galegas.









Arquivos