Os Bolechas non quixeron perder a ocasión de participar na presentación do Calendario Solidario elaborado a favor da Fundación Andrea, unha entidade de apoio a nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.
Para lograr fondos para as moitas iniciativas que leva a cabo a fundación, púxose en marcha a campaña solidaria Tócache 2013, na que colaboraron varios comercios e empresas compostelás, ademais de coñecidos xornalistas que, xunto con nenos da Fundación Andrea, elaboraron o Calendario solidario que hoxe se presentou.
Os Bolechas quixeron apoiar, coa súa presenza neste acto, o importante labor que leva a cabo a Fundación para mellorar a calidade de vida das familias que se atopan en difíciles circunstancias por mor de graves doenzas que sofren os seus fillos. Para iso acudiron a retratarse cos nenos e repartiron adhesivos e cadernos para pintar.
Ademais de recadar fondos coa venda do Calendario, o acto serviu como punto de partida dun conxunto de actividades a favor da fundación que se celebrarán ao longo do próximo ano para que a entidade poida seguir ofrecendo o maior apoio posible tanto aos nenos e nenas enfermos como ás súas familias.
Para coñecer algo máis a Fundación Andrea podedes consultar a súa páxina web www.fundacionandrea.info.