Os Bolechas e a Axega ensinan a facer un bo uso do número de emerxencias 112 entre escolares

Máis dun cento de centros educativos recibirán a partir de hoxe a visita dos Bolechas que, mediante representacións teatrais e obradoiros, explicarán cando e como chamar ao 112. Con esta actuación, complétase o programa de divulgación posto en marcha pola Axega e que inclúe tamén diverso material didáctico, libros e unha web educativa.


01 de outubro de 2020



A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) leva a un cento de centros escolares o seu programa de divulgación sobre o uso responsable do número único europeo 112. Para esta acción, volve contar coa colaboración dos Bolechas que achegarán ao público infantil a información necesaria para realizar unha chamada ao 112 de forma correcta e eficaz.

Así, a partir de hoxe e durante o mes de outubro, máis dun cento de centros educativos recibirán a visita dos monicreques que, a través de representacións teatrais, material audiovisual e obradoiros, explicarán á cativada en que contextos deben realizar unha chamada ao 112 e os datos que teñen que facilitar aos xestores de emerxencias para alcanzar a resposta axeitada en cada caso.

Para iso, é fundamental que os nenos e as nenas coñezan desde as primeiras idades como funciona o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE112 Galicia), onde se reciben e xestionan todas as chamadas de emerxencias que se producen na Comunidade autónoma galega. Precisamente isto será o que poidan observar no só a través das representacións teatrais, senón tamén coa emisión dun vídeo dun dos personaxes, Braulio, que visitou o CIAE112 Galicia, na Estrada, para obter de primeira man unha ampla visión sobre o funcionamento dos sistema de atención e xestión telefónica de emerxencias en Galicia.

Tras a proxección do vídeo de Braulio, os alumnos e alumnas participarán nun obradoiro co que afondarán a asentarán os coñecementos adquiridos, así como aclararán as posibles dúbidas que tiveran xurdido durante toda a actividade.

Con estas visitas aos colexios, a Axega completa un programa de divulgación sobre o uso responsable do 112 que se desenvolve desde o ano 2019 e componse de publicación de libros e cadernos de actividades, unha web educativa (https://osbolechas.gal/112) e obradoiros nas escolas como os que deron comezo hoxe.









Arquivos