Sonia participou na entrega de premios da Primavera das Letras
Onte volveu ser un día grande na celebración das Letras Galegas dedicadas a Antonio Fraguas. A Real Academia Galega recibiu o alumnado dos tres centros gañadores do concurso Contádenos o voso Día das Letras. E alí estiveron Os Bolechas representados por Sonia!
Regueifas, teatro e investigación etnográfica escolar encheron a Academia da man dos colexios San Roque de Darbo (Cangas), Bembibre (Val do Dubra) e da Ponte de Porto (Camariñas), tres fórmulas divertidas e efectivas para se mergullar na vida e obra de don Antonio e na riqueza da cultura popular que contribuíu a preservar. Incluída “a maior construción do pobo galego, a lingua”, salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
A Real Academia Galega convoca o concurso Contádenos o voso Día das Letras no marco do proxecto Primavera das Letras, que fornece desde 2016 a comunidade escolar de infantil e primaria de contidos lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. O proxecto conta co apoio económico da Deputación da Coruña e o certame, creado en 2017, desenvólvese coa colaboración das editoriais Xerais, Galaxia, Kalandraka e Bolanda na dotación dos galardóns, un lote de libros para cada centro.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abriu e pechou o acto, acompañado por Avelino Martínez, sobriño de Antonio Fraguas, quen agradeceu en nome da familia esta nova homenaxe ao etnógrafo, xeógrafo e docente. Unha homenaxe, salientou Fina Casalderrey, na que participaron máis de 80 centros educativos de toda Galicia, cuxos traballos poden verse na web de Primavera das Letras.
Tanto Víctor F. Freixanes como Fina Casalderrey agradeceron especialmente o labor do profesorado, o do presente no acto e o de todo o colectivo, “por todo o que facedes por esta nosa lingua pola que tamén tanto traballou Antonio Fraguas”. “Vós, coma el, levades ese selo dos bos e xenerosos que saben facer maxia, fabricando escenarios onde non os hai, facendo horas extra, coma hoxe, que tan só son computadas, se cadra, na memoria e nos corazóns dos vosos alumnos e alumnas”, engadiu Fina Casalderrey.