Este sábado… saímos cara ao Polo Norte

O Porriño e Viveiro serán as primeiras paradas da xira de Nadal dos Bolechas, que hoxe presentamos na Secretaría Xeral de Política Lingüística. En total, o novo espectáculo Nadal no Polo Norte chegará a nove localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL).


20 de decembro de 2018



A popular familia volve participar neste programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con Gadis e coa Televisión de Galicia, cunha proposta teatral para toda a familia a cargo dos muppets, tal como indicou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, na presentación da xira, á que asistiron máis de medio centenar de escolares do colexio Quiroga Palacios de Santiago de Compostela.

García Gómez recordoulles ás nenas e nenos que “Os Bolechas falan sempre en galego, que é a nosa lingua e por iso son un referente á hora de programar actividades infantís na nosa terra”. Tamén o son para a Televisión de Galicia e para Gadis, entidades que colaboran coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para facer posible un ano máis esta xira.

Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG, asegurou que para a televisión galega é unha satisfacción ver o seguimento que teñen os Bolechas entre a cativada e que un produto galego e en galego sexa un referente para as nenas e nenos da nosa comunidade, idea na que tamén insistiu Antonio Cortés, director de Mercadotecnia de Gadis, ao recordar que hai xa dez anos que colaboran cos Bolechas en distintas iniciativas cun grande éxito.

Nadal no Polo Norte

A historia deste ano transcorre, como non podía ser doutro xeito, no Nadal. Sonia quere facer un boneco de neve, pero non un calquera, quere un boneco que non se derreta! Propóñenlle facelo de algodón, para que sexa suave e branco como a neve, pero máis duradeiro. Pero Sonia quere neve de verdade e iso complica as cousas… A non ser que se faga no Polo Norte, porque alí sempre vai frío! E alá van os Bolechas, a vivir unha nova aventura con todas as nenas e nenos que os acompañen nesta xira. 

Ademais do espectáculo, a xira conta cunha páxina web, osbolechas.gal/polonorte, onde está dispoñible toda a información sobre a xira así como xogos e vídeos. Entre outras propostas, a web permite ver os capítulos de Nadal dos Bolechas emitidos na Televisión de Galicia. 

Datas e lugares

  • Sábado 22 de decembro, no Pavillón Municipal dos Deportes do Porriño, ás 18:00 h.
  • Domingo 23 de decembro, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, ás 18:30 h.
  • Mércores 26 de decembro, no Salón José Peña de Cambados, ás 18:00 h. 
  • Xoves 27 de decembro, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, ás 18:00 h.
  • Sábado 29 de decembro, no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, ás 18:30 h.
  • Xoves 3 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Ourense, ás 19:00 h.
  • Venres 4 de xaneiro, no Centro Cultural de Muros, ás 18:00 h.
  • Domingo 6 de xaneiro, no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, ás 17:00 h.
  • Luns 7 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Rianxo, ás 18:00 h.








Arquivos