Sober e Castrelo de Miño reciben a visita dos Bolechas

A proposta, que se enmarca no FalaRedes 2017, pon a proba de xeito lúdico a habilidade física e os coñecementos sobre Galicia da cativada de 4 a 10 anos. A entrada ás funcións é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos. 


22 de setembro de 2017



Esta fin de semana estaremos nos concellos de Castrelo de Miño (Ourense) e Sober (Lugo) cunha nova proposta de lecer en galego: De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas, que se inclúe no catálogo de actividades de dinamización lingüística que a Secretaría Xeral de Política Lingüística programa en exclusiva para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco do 'FalaRedes 2017'.

Chegará ata novembro a 21 concellos galegos con entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. A primeira das paradas, na Terra de Lemos, será mañá, sábado, no Centro Sociocultural de Sober, ás 19:00 h. O domingo, a cita no Ribeiro será en Castrelo de Miño, no salón de actos do Concello, ás 12:00 horas.

Nesta proposta, como é habitual, a participación non se limita ao día do espectáculo, senón que se amplía e ten continuidade a través das novas tecnoloxías. Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao concurso do web para seguir xogando e aprendendo e mais para conseguir ata 20 lotes dos seus libros. Aínda que tamén hai opción de participar para aqueles que non puideron asistir!

Próximas paradas

Despois das paradas desta fin de semana, a actividade continuará ata o 5 de novembro percorrendo outros 18 municipios: Barro, Caldas de Reis, Castro Caldelas, Triacastela, Quiroga, Rianxo (en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte), Pazos de Borbén, A Bola, Frades (en colaboración coa Mancomunidade da Comarca de Ordes), Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove. 

Toda a información xa está dispoñible no enlace www.lingua.gal/dechispaatata.









Arquivos