Os seis irmáns creados por Pepe Carreiro, mais o seu cadelo, Chispa, xa contan cunha liña de xoiaría propia destinada aos máis pequenos. Este mediodía foi presentada no Hotel Monumento San Francisco de Santiago.
Este mediodía foi presentada no Hotel Monumento San Francisco de Santiago polos seus artífices, a editorial Bolanda e a empresa Fink-Orfebres, xunto co creador dos populares personaxes infantís, Pepe Carreiro, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e o Deseño, Elena Fabeiro.
A colección que “fusiona a cultura raíz da serie de maior éxito da literatura infantil galega coa centenaria tradición ourive compostelá”, tal como explicaron na presentación, está composta por 56 deseños diferentes entre aneis, pendentes, colgantes e pulseiras.
Sacar adiante este proxecto foi posible grazas á colaboración entre dúas empresas “firmemente convencidas de que o emprendemento e a cultura non só son imprescindibles para a supervivencia dunha economía e dunha sociedade senón que poden ser rendibles, algo que ultimamente semella esquecerse con demasiada frecuencia dende as administracións” subliñaron desde a empresa editora.
Produto local, artesanal e de calidade
“Cómpre destacar ademais, que se trata dun produto de aquí, feito aquí por xente de aquí, porque estamos convencidos de que seremos un mellor país, e seremos máis universais e competitivos, cando verdadeiramente aprendamos a valorar o noso”, asegurou a responsable de Comunicación de Bolanda, quen destacou tamén o “exemplo de transversalidade, de cooperación empresarial entre dúas compañías adicadas a sectores totalmente diferentes e que, sen ter relación previa, atoparon unha vía de negocio atractiva para ambas”.
“Nos tempos que vivimos consideramos fundamental abrir novas vías que permitan manter a actividade pero tamén a cultura propia, o deseño, a arte, a lingua e todo ese patrimonio cultural –material e inmaterial– que conforma quen somos”.
Galicia Calidade
As xoias dos Bolechas contan co certificado de garantía de Galicia Calidade –cuxo xerente, Alfonso Cabaleiro, estivo presente no acto. O selo dáselle a aqueles produtos que destacan polos seus atributos, o que supón toda unha garantía de servizo, compromiso e calidade e un aval máis a este gran esforzo desenvolvido nos últimos meses por Bolanda Edicións e Marketing e por Fink-orfebres, a firma encargada da elaboración das pezas.
Esta empresa, que remonta as súas orixes aos mestres ourives de gran tradición en Santiago, adícase ao deseño, fabricación e comercialización de xoiaría de prata. Nos seus talleres, situados no compostelán barrio de Sar, un amplo equipo de deseñadores e ourives elabora as xoias de xeito totalmente artesanal.
O xerente de Fink, Enrique Guillermo Fink, e Beatriz Novoa Suárez explicaron que todas as xoias “están elaboradas artesanalmente en prata de lei 925 e esmaltadas a man en diferentes cores”, un traballo minucioso que realizaron “con gran agarimo” debido ás particularidades deste proxecto, “creado para un público moi esixente, como é o infantil, e bo coñecedor dos Bolechas”, o que obrigou a ser “aínda máis meticulosos que de costume na representación dos personaxes”.
A nova liña presentouse hai unhas semanas en Iberjoya, o Salón internacional da xoiaría, pratería, reloxaría e industrias afíns celebrado en Madrid, onde obtivo unha gran acollida que agardan se repita agora, “en canto as pezas cheguen a todas as xoiarías galegas, o que ocorrerá nos próximos días". Tamén explicaron que as xoias "están pensadas para un amplo abano de idades, desde bebés duns meses ata adolescentes ou mesmo adultos fans dos Bolechas que queiran lucir unha xoia divertida, artesanal e diferente".
O creador dos Bolechas, Pepe Carreiro, asegurou estar encantado co traballo, xa que os ourives "lograron reflectir as cores identificativas de cada personaxe", algo moi difícil nun traballo artesanal e máis aínda no caso de "pequenos detalles como o pelo das xemelgas, que só se diferencia nun tono e está perfectamente representado nas xoias". Carreiro explicou tamén que se creou unha nova imaxe dos populares personaxes "moito máis elegantes, como require a ocasión".
Pola súa banda a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, destacou o gran traballo realizado pola firma da xoiaría, que coñece "desde que chegou á Fundación" e que, asegura, realizan un traballo excepcional. Fabeiro mostrou o total apoio da Consellería de Economía e Industria, á que representaba no acto, ás empresas promotoras deste proxecto para que sexa un éxito.
Nas xoiarías galegas
En total hai 56 pezas diferentes: tres modelos de pendentes, dous de pulseiras e colgantes –con malla de prata ou cordón– e un modelo de anel”. E todas cos sete populares personaxes, “para que cada un poida elixir o seu favorito ou coleccionar e facerse con toda a familia”. O catálogo completo pode consultarse en www.osbolechas.gal/xoias e os produtos estarán dispoñibles nas principais xoiarías de toda Galicia ao longo dos próximos días.