Presentamos en Ourense o libro de Carlos Casares

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollerá este mércores, 26 de xullo, ás 12:00 horas, a presentación do título adicado a Carlos Casares da colección “As miñas primeiras Letras Galegas”.


24 de xullo de 2017



O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, exercerá de anfitrión na presentación do libro da colección "As miñas primeiras Letras Galegas" adicado ao escritor Carlos Casares. O acto terá lugar este mércores, ás 12:00 h, no Centro Cultural Marcos Valcárcel e contará coa presenza tamén de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e José Manuel López Marcos, director comercial de Caixa Rural Galega. 

O libro

As miñas primeiras Letras Galegas é a nova colección dos Bolechas destinada a dar a coñecer ás cativas e cativos os persoeiros aos se lles ten dedicado o Día das Letras Galegas. Para iso, Pepe Carreiro converte un dos títulos do autor/a nun entretido conto no que o lector vai descubrindo quen é o personaxe ao tempo que goza dunha aventura típica dos Bolechas. 

Neste caso, a historia elixida é un conto do libro Vento ferido titulado A rapaza do circo, na que un neno galego coñece a unha rapaza francesa trapecista que chega á vila co circo. Sonia Bolechas vai contando a historia disfrazada de Carlos Casares, ao tempo que conta algúns datos sobre o autor. Ao final do libro un pequeno dicionario explica algúns dos termos usados nos fragmentos da obra orixinal que aparecen neste título. 









Arquivos