Santiago de Compostela xa ten a súa guía infantil

O Consorcio de Santiago e a editorial Bolanda presentaron onte nunha ateigada sala da Fundación Torrente Ballester o libro Os Bolechas van a Santiago de Compostela, unha guía xa dispoñible nas librarías. 


29 de novembro de 2018



O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio Belén Hernández, o responsable de Publicacións Juan Conde e Tomás Valín, de Bolanda foron os encargados de presentar a nova guía dos Bolechas sobre Santiago de Compostela. 

A publicación forma parte da colección Guías creada co dobre obxectivo de entreter e formar a poboación infantil e que está a ter moi boa acollida polo grande atractivo que ten para achegarlles ás nenas e nenos diversos coñecementos. "Quedan moi poucos concellos que non teñan a súa guía dos Bolechas", asegurou no acto Tomás Valín, que explicou que nesta ocasión os Bolechas van facer o tramo final do Camiño de Santiago guiándose polas frechas amarelas, para non se perderen. "Pero ás veces as frechas amarelas son moi brincadeiras e os protagonistas desta historia terán que amañar para poderen chegar ao seu destino".

A aventura comeza en San Domingos de Bonaval e terán que pasar por varias rúas e espazos emblemáticos ata chegar á catedral: a Porta do Camiño, Casas Reais, rúa Travesa, praza de Cervantes, Acibechería… e acaban, perdidos, no Burgo das Nacións, entran no interior do Hostal dos Reis Católicos, báñanse na fonte de Praterías…

Ao final do libro hai un plano que ilustra o percorrido que os amigos fan polas rúas de Compostela e que serve de guía dalgúns dos principais puntos da cidade histórica. Trátase dunha edición bilingüe, en galego e en inglés, co fin de que os nenos procedentes doutros países tamén poidan desfrutar coas aventuras dos Bolechas.









Arquivos