Chega ás librarías o curso de inglés da TVG con novos materiais
Os Bolechas one2three chega ás librarías tras a súa emisión na televisión. O curso, ademais dos capítulos da serie, inclúe libros e material para iniciarse no inglés da forma máis divertida.
O curso preséntase nun divertido maletín onde os cativos atoparán tres libros: unha Unidade didáctica cos 13 temas do curso en forma de conto bilingüe, para que as nenas e nenos se introduzan no inglés cunha divertida historia dos seus personaxes preferidos; un Caderno de exercicios, con dous niveis de dificultade, para reforzar os coñecemento adquiridos na Unidade didáctica e co visionamento da propia serie, e un Caderno de actividades para seguir afondando en todo o aprendido mentres se goza de divertidos xogos consistentes en colorear, recortar, debuxar, memorizar etc.
Trátase de lograr a aprendizaxe natural do idioma, similar á que se fai coa lingua materna da man duns personaxes, Os Bolechas, que xa xogaron un papel determinante na aprendizaxe do galego como primeira lingua.
Os capítulos da TVG e unha web específica
O maletín inclúe tamén dous DVD con todos os capítulos da serie Os Bolechas one2three así como un agasallo moi especial: un metro magnético para que os cativos vexan como medran a medida que o fan os seus coñecementos.
Pero o curso compleméntase cunha web, www.osbolechas.gal/one2three, onde as nenas e nenos poderán seguir reforzando os seus coñecementos mediante xogos e actividades. Poden demostrar o que saben e descargar o seu certificado de inglés dos Bolechas, e tamén participar no sorteo dunha bicicleta contestando como se chama o "teacher" dos Bolechas.
Deste xeito Os Bolechas one2three mantén o ideario que tan ben coñecen os seus milleiros de seguidores, posto que son un referente na normalización da lingua galega desde hai case 15 anos. Agora os personaxes creados por Pepe Carreiro, sabedores da importancia de falar cantos máis idiomas mellor, dan o salto ao inglés e fano a través dun curso tan divertido como o son todas as súas propostas.
Co aval da USC
O curso de inglés foi elaborado por un equipo de filólogos, lingüistas, educadores e pedagogos que traballaron directamente nos dous idiomas da serie: galego e inglés, e na forma de ensinalo a través dos principais medios que manexan hoxe en día os cativos: a televisión, os libros e internet.
Un intenso traballo de moitos meses que estivo apoiado pola Facultade de Ciencias da Educación de Santiago e que conta co aval da Universidade de Santiago de Compostela, o que constata o valor didáctico do curso e a súa relevancia.