Asistimos na RAG á entrega de premios do concurso

Os Bolechas volveron estar presentes na sede da Real Academia Galega na entrega de premios aos colexios gañadores do concurso "Contádenos o voso Día das Letras", que este ano homenaxeou a Mª Victoria Moreno, a quen lle dedicamos o último título da nosa colección As miñas primeiras Letras Galegas.  


16 de outubro de 2018



A Real Academia Galega volveu homenaxear a María Victoria Moreno a través da ollada das nenas e nenos dos tres colexios premiados na segunda edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras: o CEIP Anxo da Garda (A Coruña), o CPI Virxe da Cela (Monfero) e a EEI do Milladoiro (Ames). A radio, a poesía e a música encheron a institución no acto de entrega dos galardóns, que contan coa colaboración das editoriais Xerais, Urco Editora, Galaxia e Bolanda.

Este certame enmárcase no proxecto web Primavera das Letras que ofrece materiais lúdicos e didácticos para as etapas de infantil e primaria arredor da figura homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas. Ademais, serve para coñecer como celebran os centros educativos esta festa da lingua e da cultura galegas, ao que este ano concorreron 82 centros de toda Galicia, con propostas que abranguen desde as artes escénicas á música para recrear o universo vital e literario de María Victoria Moreno.

Todos estes ingredientes estiveron presentes no acto de entrega dos premios, presentado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e conducido por Fina Casalderrey. Tamén interviñeron Pedro Ferriol, o viúvo de María Victoria Moreno; Francisco Castro, director xeral de Galaxia; Andrea Jamardo, de Urco Editora; e Teresa Rocamonde, responsable de comunicación de Bolanda, a editorial dos Bolechas que este ano publicou o título adicado a autora dentro da colección As miñas primeiras Letras Galegas.

Premiados 

Os primeiros en subir ao escenario en que se converteu o estrado do salón de actos da Real Academia Galega foron os máis pequenos, 44 escolares de 4 e 5 anos da EEI do Milladoiro, que recitaron en grupo un fragmento do conto en verso “Can branco, can negro”. O relato está incluído no libro Eu conto, ti cantas… de María Victoria Moreno, onde os protagonistas son sempre os animais. Os favoritos da autora, os cans, centraron o proxecto desta escola: unha exposición dedicada a ela chea de canciños de peluche na que non faltou o noso Chispa. A directora, Ángeles Ferrón, agradeceu a colaboración das familias e insistiu na importancia dos mestres e mestras na transmisión da lingua e a cultura. 

O CPI Virxe da Cela achegou o alumnado á autora a través da radio. O de primeiro e segundo gravou un conto inspirado en personaxes das obras de María Victoria Moreno e o de cuarto, un programa dedicado á autora con entrevistas a Eli Ríos, Monste Pena, Francisco Castro, Fran Alonso e Andrea Jamardo. A radio tamén estivo presente na súa intervención na Academia, onde Elías Espiñeira e Iria Lence, de 3º e 5º de primaria, tomaron a palabra e déronllela tamén a outros compañeiros e compañeiras a través de varios cortes de audio.

En representación do CEIP Anxo da Garda, tras un resumo do traballo desenvolvido polo equipo de dinamización lingüística a cargo do mestre Fernando Pazos, a alumna de 6º de primaria Sabela Pérez Regueira, caracterizada como María Victoria Moreno, foi a encargada de agradecer o galardón en nome de toda a comunidade educativa e presentar a adaptación musical do poema “Cantiga” (incluído en Elexías de luz) que deseguido interpretaron nove alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º. O colexio coruñes participou no concurso cun conxunto de actividades variadas entre as que tamén figuran a dramatización dunha entrevista á autora, o concurso "Quen sabe máis de Mª Victoria Moreno?" e lecturas de fragmentos de obras da escritora, entre outros. 









Arquivos