Os Bolechas visitan as terras do Ulla, Tambre e Mandeo

Este venres, 13 de xuño, o Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo presenta ás 17.00 h en Vilasantar a nova aventura dos Bolechas, que transcorre por esas terras.


12 de xuño de 2014



Este venres, 13 de xuño, ás 17.00 h, terá lugar na Escola ecolóxica de Vilasantar a presentación do libro Os Bolechas van ás terras do Ulla, Tambre e Mandeo. O acto, especialmente pensado para o público infantil, contará coa presenza do autor, Pepe Carreiro, así como do coche dos Bolechas, o popular R4.

A cita está organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo, arredor da que xira tamén a nova historia dos Bolechas, onde se explica que é un GDR, o labor que desenvolve e os territorios que forman parte deste: Vilasantar, Curtis, Sobrado, Toques, Melide, Santiso, Arzúa, Touro, O Pino e Boimorto.

Pero o novo conto dos Bolechas é, coma sempre, unha divertida historia sobre as aventuras destes seis irmáns e o seu can, Chispa, nas terras do Ulla, Tambre e Mandeo, a onde van coa súa amiga Gumersinda. Cando está alí chámaos outra amiga, Adelina, para pedirlles que lle merquen un galo piñeiro e llo leven á casa. Pero o encargo non vai ser doado, porque o galo Gaspar é un pouco revoltoso e escapa cada dous por tres.

O novo conto será distribuído polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo entre os nenos e nenas da zona para que gocen dos seus personaxes favoritos ao tempo que aprenden algo máis sobre o lugar no que viven. 









Arquivos