Volve o programa "Da Escola á Granxa" na provincia de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha máis de 210 actividades en granxas e proxectos agroalimentarios dentro dunha nova edición do programa que achega o rural e a produción de alimentos a escolares de toda a provincia.


18 de maio de 2026



A área de Rural, pertencente á Vicepresidencia dá Deputación de Lugo pon en marcha máis de 210 actividades formativas en granxas e producións agroalimentarias dentro da quinta edición do programa "Da Escola á Granxa", unha iniciativa que chegará este ano a máis de 6.000 nenos e nenas de 74 centros educativos.

O deputado de Rural, Daniel García, presentou os datos do programa nun encontro con representantes das 45 granxas e proxectos de emprendemento rural que participan nesta edición, alén de asociacións gandeiras e entidades colaboradoras.

As actividades, que comezarán a finais deste mes, inclúen visitas a explotacións agrogandeiras e talleres nos propios centros educativos co obxectivo de achegar as novas xeracións a importancia do rural, a produción de alimentos e a conservación do territorio. A Vicepresidencia financia tanto os desprazamentos como as actividades mediante axudas directas ás ANPAS, que recibirán entre 300 e 1.100 euros por actividade.

Durante a presentación, Daniel García agradeceu a implicación das granxas participantes, ás que definiu como “referentes de emprendemento, traballo e compromiso con este país”, destacando ademais que o programa contribúe a “recuperar o orgullo de ser agricultor e gandeira” e a romper prexuízos históricos sobre a vida no rural.

Desde a súa posta en marcha en 2022, "Da Escola á Granxa" experimentou un importante crecemento, pasando de 25 granxas e 70 actividades na súa primeira edición ás 45 granxas e máis de 210 actividades previstas para este 2026. En total, ao longo das súas cinco edicións, o programa sumou preto de 750 actividades e máis de 26.000 participantes de infantil e primaria.

Entre as novidades desta edición destacan novos materiais lúdicos e educativos, como unha nova entrega do libro Os Bolechas viaxan da Escola á Granxa, ilustrado por Pepe Carreiro, e a estrea dun xogo de mesa inspirado nos animais e alimentos producidos nas granxas participantes. O programa incorpora este ano novas explotacións e proxectos agroalimentarios de distintos puntos da provincia, reforzando unha rede de iniciativas vinculadas á produción ecolóxica, sostible e de proximidade, que se converteu nun referente de divulgación do rural galego entre as novas xeracións.









Arquivos