Os Bolechas visitaron Mos para celebrar o Día do Libro
Máis de 600 persoas participaron na presentación do novo conto Os Bolechas van a Mos, ambientado na localidade mosense e do que se repartiron 200 exemplares.
Os Bolechas presentaron na Carballeira de Santiaguiño, parroquia de Guizán, o ibro Os Bolechas van a Mos. O mestre de cerimonias foi o autor, Pepe Carreiro, quen repartiu 200 exemplares do conto ente as nenas e nenos asistentes ó acto. En total participaron na actividade unhas 600 persoas. Esta iniciativa xurdiu como parte da programación organizada con motivo do Día Internacional do Libro.
Os Bolechas naceron da man do ilustrador Pepe Carreiro e convertíronse nun fenómeno de masas. Son seis irmáns máis un can que viviron toda clase de aventuras por Galicia e que nesta ocasión foron visitar Mos con motivo da celebración do Día do Libro que se conmemora cada 23 de abril.
A actividade dos Bolechas non é a única da programación do Día do Libro 2015, xa que durante esta semana todas as socias e socios da Biblioteca Municipal de Mos poden participar nun intercambio de libros. Ademais o propio día 23 quen colla libros en préstamo participará no sorteo dun lote de libros.