Os Bolechas celebran o entroido con importantes agasallos
Ata o vindeiro mércores, día 13, pódense descargar as caretas de todos os personaxes infantís e participar nun divertido concurso fotográfico nas redes sociais: “Este entroido eu son Bolechas”
Novamente Os Bolechas volven a sorprender aos máis pequenos. Desta volta, e co motivo do Entroido, ofrécese a oportunidade de descargar as caretas dos populares personaxes creados por Pepe Carreiro, e así na páxina web oficial (www.osbolechas.gal) están dispoñibles as caretas de Carlos, Braulio, as xemelgas Pili e Loli, Sonia, Tatá e o seu can Chispa. Ademais, está en marcha no Facebook (www.facebook.com/osbolechas) o concurso “Este entroido eu son Bolechas”, onde os nenos poden colgar as súas fotografías máis divertidas, que os demáis usuarios votarán.
Os gañadores recibirán importantes agasallos, entre os que se encontran as últimas novidades editoriais dos Bolechas, como son “O reloxo de Carlos” e a “Biblioteca Básica dos Bolechas”. Esta última é unha grande obra didáctica formada por 12 libros, na que Pepe Carreiro recolle o espírito dos populares personaxes infantís galegos cun enfoque máis didáctico, ideal para que pais e educadores poidan introducir formación en valores universais –como o respecto polos animais, medio ambiente…–, así como os primeiros coñecementos: como nacemos, como comportarse na rúa, o corpo humano, a roupa, etc. Unha lectura divertida e cun alto valor didáctico e pedagóxico a través de máis de 400 páxinas onde a mestura de lecer e formación dá lugar a unha colección perfecta para os máis pequenos. Ademáis inclúe a muuulecha, a vaca maleta dos Bolechas, completamente de balde. Pola súa parte, “O reloxo de Carlos”, é unha divertida aventura presentada nun novo formato e que inclúe de agasallo un atractivo reloxo e un xogo das horas, que fará as delicias dos máis pequenos.