Os Bolechas van ao hospital é a nova aventura dos personaxes creados por Pepe Carreiro. Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá visitan a unha amiga no hospital, este é o inicio dunha divertida historia, na que Chispa terá un papel protagonista. A publicación está patrocinada pola Fundación La Rosaleda e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Todos os ingresos pola venta do libro serán invertidos nas actividades organizadas para os nenos da Escola Infantil Camilo José Cela. Esta escola está ubicada no Hospital Clínico de Santiago de Compostela e traballa con nenos con necesidades educativas especiais derivadas dos seus problemas de saúde.
Ao acto de presentación asistiron o presidente da Fundación La Rosaleda, Gerardo Fernández Albor; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o xerente do C.H.U.S., Luis Verde Remeseiro; o xefe de Pediatría do C.H.U.S., José María Martinón; o xefe do servicio de Oncoloxía, Rafael López; o xerente do Hospital Policlínico La Rosaleda, Rafael Silva; a directora da Escola Infantil Camilo José Cela, Ruth Gómez e o autor dos Bolechas, Pepe Carreiro.
Os asistentes, entre eles os nenos da propia escola, puideron coñecer de primeira man o proceso de creación dos personaxes infantís creados por Pepe Carreiro. O debuxante amosou como unha folla en branco pode cobrar vida cun par de trazos. Os máis cativos recibiron como agasallo o novo libro dos Bolechas, adicado persoalmente polo seu autor.