Baixo o título 'Cantares de Reis', a familia dos Bolechas presenta a súa nova xira de Nadal para difundir entre a cativada as tradicionais cantigas. Así o deu a coñecer en Santiago de Compostela o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou que esta proposta, en colaboración coa CRTVG e Gadisa, “é xa unha cita cultural consolidada” entre as familias galegas na campaña de dinamización da lingua para estas festas.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que esta actividade, de entrada libre e de balde, percorrerá, entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro, oito concellos galegos: os coruñeses de Padrón e Melide, os pontevedreses da Estrada e Redondela, os lucenses de Burela e Abadín e os ourensáns de Verín e Celanova.
Valentín García destacou o papel dos Bolechas como “referentes galegofalantes para a xente miúda” e puxo en valor que se tire proveito do “seu grande éxito” entre os máis pequenos e pequenas “para achegar dun xeito divertido o valor do rico patrimonio oral en galego co que se conta en Galicia” e conseguir que estes cantares “acaben incorporándose no repertorio de Nadal entre as novas xeracións e se recuperen entre as familias”.
A xira dos Bolechas cos Cantares de Reis comezará o xoves 26 de decembro na Estrada e, ao día seguinte, fará parada en Padrón. A programación continuará en Melide, o sábado 28 de decembro, para achegarse a Celanova, o domingo 29 de decembro. Rematarase decembro cunha actuación o luns 30, en Burela.
Finalmente, os espectáculos dos Bolechas para este Nadal continuarán en xaneiro de 2025 cunha representación en Verín, o venres 3 de xaneiro, e outra en Redondela, o sábado 4 de xaneiro.