Os Bolechas fan unha merenda con vexetais é o novo libro editado por Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que este luns se presenta no colexio Carlos Casares de Salvaterra de Miño.
A Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria, vén de editar un libro no que tratan de achegar ás cativas e cativos galegos a importancia de consumir froitas e verduras. Para iso pedíronlles axuda aos Bolechas, que decidiron organizar unha merenda campestre na aldea dos seus curmáns a base de vexetais e mostrar así a importancia destes alimentos na nosa dieta pero tamén as múltiples e divertidas formas de consumilos.
Para iso, Os Bolechas e os curmáns póñense mans á obra e avisan os veciños da merenda campestre; cada un preparará unha receita con vexetais dunha cor. Os Bolechas, por exemplo, collen froitas e hortalizas verdes, boas para dentadura, para ter os ósos fortes, para circulación do sangue… O veciño Roxelio cólleas amarelas e laranxas, boas para a vista e para protexernos das infeccións. Pero tamén hai vexetais brancos, violetas, vermellos… Así, ademais de colorida e divertida, a merenda vai ser moi, pero que moi, saudable.
Ao final da historia o libro recolle unhas sinxelas actividades para que as cativas e cativos se divirtan e fixen os coñecementos adquiridos no conto.
Presentación en Salvaterra
O libro presentarase este luns, 25 de xaneiro, no CEP Carlos Casares de Salvaterra de Miño. No acto, ademais da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que repartirá o libro entre todos os estudantes do centro, estarán Os Bolechas que compartirán xogos e actividades con todos os presentes.