Os Bolechas volven a Cuntis este domingo 11 de maio. Desta volta, a Termas de Cuntis onde, ademais de presentar novo libro, os seis irmáns e Chispa gozarán dunha gran festa con motivo da celebración do Día dos Nenos.
Os Bolechas volven ao concello de Cuntis, concretamente a Termas de Cuntis, para presentar unha nova aventura que transcorre precisamente no balneario. Alí están os avós e os irmáns aproveitan a visita para coñecer as Termas. Pero Sonia ten catarro e non para de espirrar, así que a doutora Virxinia recoméndalle inhalar vapor de auga mineral. Na sala de inhalacións Sonia fará novos amigos cos que gozarán os irmáns nas instalacións das Termas.
E para que todos os nenos e nenas poidan gozar do balneario como Os Bolechas, Termas de Cuntis organiza este domingo o Día dos Nenos, con descontos para os que fagan reserva previa e moitas sorpresas, actividades e agasallos para todos os que acudan ás instalacións. Por suposto, non faltarán todos Os Bolechas, desexosos de volver ao balneario, nin Pepe Carreiro, que fará un taller de debuxo para mostrar como se crean as historias que tanto gustan aos pequenos.
A festa será este domingo a partir das catro da tarde en Termas de Cuntis.