Os Bolechas conmemoran o Día Internacional dos Dereitos da Infancia

Os Bolechas pecharon o acto organizado pola Universidade de Santiago con motivo do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, coa interpretación  de dúas cancións que corearon os máis de 500 nenos e nenas presentes.




O Auditorio de Novagalicia Banco situado na rúa do Preguntoiro de Santiago de Compostela acolleu este martes, 20 de novembro, un acto organizado por campUSCulturae, un proxecto europeo da Universidade de Santiago, para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia.

Máis de 500 rapaces de diversos centros escolares participaron no acto que deu comezo ás 10.00 da mañá coa intervención do reitor da Universidade de Santiago, Juan J. Casares Long; o secretario xeral de Cultura,Anxo Lorenzo, e o vicerreitor de Cultura, Estudantes e Formación Continua da Universidade, Francisco Durán.

A continuación os representantes de centros de ensino foron presentado os artigos da Declaración dos Dereitos da Infancia, mentres se intercalaban representacións teatrais e pequenos concertos.

E Os Bolechas foron os encargados de clausurar o acto, arredor das 12.45 h, coa interpretación de dúas cancións que animaron a todos os presentes e puxeron un sorriso na boca dos nenos e nenas presentes.









Arquivos