Os Bolechas fan o Camiño Primitivo pola Fonsagrada
Os Bolechas están a facer o Camiño Primitivo de Santiago a paran na Fonsagrada a comer butelos convidados polo seu amigo Bartolo. Así comeza unha nova aventura da colección Guías que onte se repartiu en varios centros educativos do municipio.
Co fin de que as nenas e nenos da Fonsagrada coñezan ben o seu patrimonio cultural, natural e gastronómico, o Concello fixo unhas guías dos Bolechas sobre o municipio. Grazas á iniciativa de Argelio Fernández e Carlos Pérez, a guía permitirá difundir as riquezas da Fonsagrada e fomentar a sensación de pertenza e orgullo da cativada local. Para iso o libro foi entregado onte ao alumnado do CEIP Santa María, da escola infantil e do IES Plurilingüe Fontem Albei.
Deste xeito, tanto a cativada da Fonsagrada como as nenas e nenos de toda Galicia poderán coñecer moito mellor este territorio, polo que pasa o Camiño Primitivo e que ofrece algúns dos recunchos máis fermosos da xeografía galega, como Fonfría, o alto do Acevo ou a seimeira de Vilagocende. E, como non, visitarán o Museo etnográfico e a Feira do Butelo, un dos produtos máis exquisitos da gastronomía local.