O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora adxunta á Dirección Xeral da CRTVG, Rosa Vilas, participaron no acto de entrega dos premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!, organizados pola Xunta de Galicia en colaboración coa CRTVG e con OQAeditora.
Valentín García agradeceu o traballo de todos os docentes e do alumnado participante e recordou que a importancia do premio radica en "todos eses meses en que profesores e estudantes traballastes xuntos nas vosas curtas, un proxecto ilusionante que vos permitiu expresar a vosa creatividade empregando a lingua galega e descubrir que en galego podedes gozar dos libros, da tele, do cine e de calquera soporte en que se poidan contar historias, e que podedes facelo como receptores, pero tamén como creadores”.
Os Bolechas non quixeron perderse este acto tan especial e ademais de participar no acto, ao final da entrega de premios desenvolveron unha actividade de dinamización lingüística para os cativos e cativas asistentes aos que felicitaron polo gran traballo desenvolvido.