Un espectáculo novidoso e moi musical para toda a familia

Esta mañá presentouse no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) o espectáculo que levaremos por toda Galicia este Nadal. "Os Bolechas cantan con Lady Vina" percorrerá once cidades e vilas galegas entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro. 


10 de decembro de 2013



A xira dará comezo o día 22 de decembro en Vilagarcía de Arousa e pasará por Pontevedra (23 de decembro), Vigo (día 26), Burela (27), Santiago (30), Cangas (2 de xaneiro), Ourense (3 de xaneiro), Narón (día 4), Lugo (día 6), A Coruña (día 7) e Vilalba (8 de xaneiro).

“Trátase dun dos maiores espectáculos infantís do ano”, asegurou o editor Antonio Couto, "cos Bolechas da tele e actores que porán en escea un musical no que se poderán escoitar algunhas das novas cancións do disco Os Bolechas fan unha banda, ademais de humor, acrobacias e moitas sorpresas que farán as delicias de toda a familia”.

Entre esas sorpresas están os propios Bolechas, que este ano serán os monicreques da tele e non os bonecos corpóreos, tal como explicou o director do espectáculo, Santi Prego, que subliñou a calidade do elenco artístico “moi experimentado posto que é o mesmo que manexa os monicreques para a serie da TVG” pero tamén do elenco técnico, no que figuran nomes como os de Eduardo Alonso ou o dramaturgo José Prieto, gañador de varios premios María Casares e Max.

O director explicou tamén que os manipuladores estarán á vista, algo moi novidoso no panorama galego, e que a obra está concibida para toda a familia pero pensando en que poida ser vista e gozada por nenos moi pequenos.

O secretario xeral de Política Língüística, Valentín García, destacou que “Os Bolechas, galegofalantes, son un referente para os cativos e cativas de Galicia, un modelo divertido que permite asociar a lingua galega a elementos positivos. Todo un valor para achegarlles a lingua propia de Galicia, o maior signo de identidade do noso pobo, ás idades máis temperás”. García Gómez destacou o feito de que “Os Bolechas, creados polo xenial Pepe Carreiro, logo de acadaren grande éxito nas historias en papel e entraren nos fogares galegos pola porta da televisión pública de Galicia, incorporen pezas novas de dez dos mellores grupos e intérpretes do panorama musical galego para fornecer con concertos a oferta de lecer en galego dirixida á infancia”.

A Xunta de Galicia, a través de Agadic, colabora nesta xira xunto coa TVG, Novagalicia Banco e a Fundación Novacaixagalicia. A súa directora de Contidos Socioculturais, María Teresa Cores, resaltou o “total apoio da Fundación”, unha entidade “especialmente preocupada pola educación e a difusión cultural entre os máis pequenos”.

Pola súa banda a directora de Marketing do banco, Paz Comesaña, asegurou que sempre se sentiron “cercanos a esta familia de seis irmáns que, a través de divertidas e entretidas historias, integran aos primeiros lectores na realidade da cultura e a vida galega”. Asegurou que “Os Bolechas e Novagalicia teñen moitos puntos en común, como o compromiso coa nosa terra, a nosa cultura e as nosas tradicións”.

Entradas á venda en Servinova

As entradas poden adquirirse na páxina web www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500 ao prezo de 12 euros. Ademais, nos teatros e auditorios onde se represente o espectáculo haberá un posto de venda de produtos dos Bolechas que se poderán adquirir a prezos rebaixados coa entrada do espectáculo.









Arquivos