Os Bolechas presentaron esta mañá Os Bolechas fan unha banda, un libro cunha nova aventura dos populares personaxes creados por Pepe Carreiro, que vai acompañado dun CD con 10 temas inéditos e creados exclusivamente para este álbum por unha decena de grupos e intérpretes galegos.
O obxectivo deste proxecto, como explicou o seu editor, Antonio Couto, na presentación é reunir nun traballo “dous sectores esenciais para o desenvolvemento cultural dun país, como son o editorial e o musical que, pese a sufrir como poucos os efectos da terrible crise económica que estamos vivindo, demostran día a día o enorme potencial creativo e artístico que hai en Galicia”. Así mesmo, destacou que unha porcentaxe das vendas do libro-CD irán a Arela, unha asociación galega que leva 15 anos traballando en prol da infancia e a mocidade con dificultades familiares ou sociais.
O creador dos populares personaxes, Pepe Carreiro, tamén se mostrou convencido do éxito deste libro-disco que supón “un novo paso na longa traxectoria dos Bolechas, que supera xa os 13 anos de existencia”. Carreiro destacou a calidade dos temas do e mostrouse “moi satisfeito” coa compilación de grupos, “posto que representan todos os estilos musicais máis actuais”.
Este era, precisamente, un dos obxectivos do produtor do disco, Carlos Pereiro, líder de Novedades Carminha, unha das bandas que forman parte do mesmo. Pereiro destacou “a diversidade de ritmos, estilos e músicas que se poden atopar” e asegura que a creación deste disco “pon en valor unha época dourada da música feita en Galicia e cantada en galego”.
Multitude de estilos
O disco dos Bolechas inclúe desde a música tradicional galega de Pandeiromus ata a cumbia de O Sonoro Maxín, pasando polo punk máis divertido de Novedades Carminha, o rock de Ataque Escampe ou Sés, o reggae de Transilvanians, o power pop de The Homens. o po pausado de Eladio y los Seres Queridos, o electrónico de Álex Casanova ou o rap de AID. Estes dous últimos interpretaron os seus temas na presentación do libro-disco, deixando de manifesto o éxito dos mesmos entre os máis pequenos, máis dun centenar de escolares que tiveron a sorte de asistir en directo a esta presentación.
No acto estiveron tamén a directora xerente da TVG, Rosa Vilas, e o xerente da Fundación Novacaixagalicia, Pedro Otero. Ambos destacaron o apoio das entidades que representan a este ambicioso proxecto. A directora do TVG recordou o éxito da serie dos Bolechas que está a emitir a televisión galega e que vai xa pola súa terceira tempada e anunciou a “inmediata posta en marcha de novos proxectos relacionados cos Bolechas”.
Pedro Otero xustificou o apoio da Fundación Novacaixagalicia na fusión de “dous sectores culturais de grande importancia no noso país, non só pola repercusión económica senón pola súa relación directa na difusión e normalización da nosa lingua en todos os ámbitos sociais”.