Xoguetes igualitarios para unha sociedade sen discriminacións

Os Bolechas son os protagonistas da campaña “Xoguetes para a igualdade”, presentada hoxe polos departamentos de Igualdade e de Comercio e Consumo da Xunta. Trátase de fomentar os xoguetes sen estereotipos sexistas de cara ás próximas datas de Nadal.


30 de novembro de 2018



Máis dun centenar de estudantes dos colexios de Fontiñas e Monte dos Postes de Santiago de Compostela acompañaron hoxe os Bolechas na presentación da campaña “Xoguetes para a igualdade” que correu a cargo da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e da directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez. Baixo o lema “Xogamos iguais. Os xoguetes non teñen sexo”, a iniciativa permitirá distribuír 150.000 carteis e 100.000 marcapáxinas cun decálogo de consellos, tanto en centros comerciais e comercios como en centros de ensino, centros de saúde e concellos.

A finalidade da campaña é sensibilizar sobre o contido sexista e violento de moitos xogos e xoguetes, e loitar así contra os estereotipos de xénero que aínda persisten entre as xeracións máis novas. A secretaria xeral da Igualdade asegurou que é importante concienciar a nenos e nenas de que poden xogar indistintamente co mesmo xoguete, de xeito que se fomenten desde as idades máis temperás unhas relacións de igualdade e cooperación.

A directora xeral de Comercio e Consumo tamén incidiu na importancia de promover a igualdade desde a elección dos xogos e xoguetes, que inflúen de forma decisiva na aprendizaxe. E recomendou, de cara as vindeiras compras de Nadal, realizar un consumo responsable que teña en conta a seguridade, a creatividade e os valores implícitos dos xoguete, rexeitando os que sexan sexistas ou inciten á violencia e apostando por agasallos que non sempre impliquen algo material.

Decálogo de consellos

O decálogo que se inclúe nos carteis e marcapáxinas inclúe unha serie de consellos de utilidade á hora de escoller un xoguete para a igualdade. Así, entre outros aspectos, destacase a necesidade de non facer diferenzas á hora de escollelos, nin pensar que hai cores máis axeitados para un ou outro sexo.

Ademais, tamén se fai fincapé en que é positivo decantarse por produtos que fomenten relacións colaboradoras e favorezan a imaxinación, libre de prexuízos sexistas. Do mesmo xeito, recomenda optar por xoguetes, xogos ou libros nos que se nomee e estean presentes tanto nenas como nenos.









Arquivos