Os Bolechas finalistas no Celtic Media Festival que este ano celebra a súa 37 edición na Illa de Man
A serie compite na categoría “Programa infantil” con outras catro producións no Celtic Media Festival, un certame que promove as linguas e culturas das nacións e rexións celtas e que este ano celebrarase na Illa de Man. Ademais, Os Bolechas estarán presentes esta fin de semana en Porto nos 22.os Encontros Luso-Galaico-Brasileiros do Livro Infantil e Juvenil.
A serie infantil Os Bolechas que emite a Televisión de Galicia de forma ininterrompida desde o ano 2012 vén de ser nomeada ao Celtic Media Festival, un evento que se celebra anualmente desde hai case 40 anos para promover as linguas e culturas das nacións e rexións celtas nos medios de comunicación.
Os Bolechas compite na categoría de “Programa infantil” con outras catro producións: a escocesa Down on the farm; a serie científica irlandesa ¿Es Éolaí Mé?; a serie multimedia Llond Ceg do Reino Unido e Louzaoueg Anna, destinada a descubrir a riqueza natural da Bretaña. A gañadora coñecerase entre os días 3 e 5 de maio que é cando se celebra a 37 edición do Celtic Media Festival, un evento apoiado por organizacións de difusión, cine, cultura e desenvolvemento económico dos países celtas.
O evento, destinado a difundir e recoñecer os traballos de radiodifusión e audiovisual, combina conferencias, seminarios e clases maxistrais coa edición dos codiciados premios, nunha competición internacional que reúne os principais xéneros de contidos en televisión, radio, cine e medios dixitais. É un festival único que reúne a profesionais consagrados con talento emerxente, para mostrar o que se está a facer nos territorios marcados pola cultura celta.
Desde a súa creación en 1980 o Celtic Media Festival celébrase cada primavera no corazón dunha das nacións e rexións celtas. Este ano será na Illa de Man, un fermosísimo territorio situado no mar de Irlanda, entre este país e a illa de Gran Bretaña, que forma parte das chamadas ‘nacións celtas’ xunto con Irlanda, Cornualles, Escocia, País de Gales e a Bretaña francesa.
Ademais dos Bolechas, outra produción galega compite nesta edición, neste caso na categoría “Drama Único (máis de 30 minutos)”. Trátase da longametraxe El desconocido, producida por Vaca Films xunto á TVG, La Ferme! Productions e Atresmedia Cine.
22.os Encontros Luso-galaico-brasileiros do Livro Infantil e Juvenil
Os Bolechas estarán tamén presentes a próxima semana na vixésimo segunda edición dos Encontros Luso-galaico-brasileiros do Livro Infantil e Juvenil, que terán lugar en Porto os días 10 e 11 de marzo, co-organizados pola profesora da USC Blanca-Ana Roig Rechou. Pepe Carreiro, o creador dos populares personaxes infantís, que son tamén un auténtico fenómeno no país veciño, estará o próximo sábado, 11 de marzo, na Escola Superior de Educação, Politécnico do Porto, para participar neste evento que este ano se desenvolve baixo o lema “Os primeiros livros”.