Os Bolechas parten do Pico Sacro rumbo ás Olimpíadas de Río

Boqueixón acollerá esta fin de semana a primeira función d´Os Bolechas van ás Olimpíadas, a nova proposta para o programa FalaRedes que esta mañá presentou o secretario xeral de Política Lingüística no emblemático Pico Sacro.


11 de maio de 2016



Braulio e Pili Bolechas acompañaron esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, na presentación dunha nova actividade do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2016: Os Bolechas van ás Olimpíadas.

secretario xeral congratulouse de ter un ano máis o apoio dos Bolechas "para animar os rapaces e rapazas a desenvolverse en galego en todos os ámbitos da vida" e indicou que este ano, "aproveitando a celebración das Olimpíadas, queremos incidir no ámbito do deporte, un espazo fundamental para a socialización dos máis pequenos".

A actividade iniciará esta fin de semana en Boqueixón, en Silleda e en Vedra o seu percorrido polos 31 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) a onde chegará nos próximos meses. Ademais destes tres municipios, acollerán os Bolechas os de Carral, Dodro, Fene, Fisterra, A Laracha, Melide, Noia, Oleiros, Outes, Monterroso, Viveiro, Celanova, O Pereiro de Aguiar, A Rúa, Verín, Viana do Bolo, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Cotobade, Cuntis, Forcarei, Moaña, Mondariz-Balneario, O Porriño, Redondela, Tui e Gondomar.

Todas as datas da xira xa están dispoñibles no web www.osbolechas.gal/olimpiadas onde tamén se pode atopar toda a información sobre a iniciativa, xogos e mesmo un sorteo no que poden participar todas as cativas e cativos de Galicia e gañar fantásticos lotes de libros.

Deste xeito dáse continuidade á participación que se tenta promover nas propias funcións, animando o público a axudar os seis famosos irmáns a superar unha serie de probas e poder gañar ao antagonista deste ano, Romualdo, un pase ás Olimpíadas de Río 2016.

As dúas edicións anteriores do programa FalaRedes acolleron os espectáculos Os Bolechas na máquina do tempo e Os Bolechas e o sabichón.

Dinamización da lingua galega

FalaRedes é un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a RDL, que conta xa con máis de 170 entidades locais adheridas. Neste ano 2016 celebra a súa quinta edición cos obxectivos de ampliar a oferta de ocio na nosa lingua e dotar os concellos de actividade en galego, de promover o seu uso e valoración social e de apoiar os artistas que desenvolven a súa creatividade na lingua propia de Galicia.









Arquivos