Novos títulos nas librarías

Os Bolechas publican dous novos contos en formato clásico que están dispoñibles nos puntos de venda habituais. 


12 de decembro de 2014



Os Bolechas veñen de editar dous novos títulos que estarán á venda en todas as librarías e quioscos galegos: Os Bolechas van nunha nave espacial e Os Bolechas van a Lolilandia. As novas aventuras en formato papel dos Bolechas manteñen a filosofía de sempre e supoñen a recuperación do formato clásico dos contos, totalmente cadrados con tapas duras e imaxes de gran formato –a dobre páxina– coas que Pepe Carreiro ilustra as novas historias da familia Bolechas.

En Os Bolechas van nunha nave espacial, Braulio constrúe unha nave espacial coa que os irmáns van descubrir extraterrestres polo espazo intergaláctico. Carlos é o condutor, Pili a exploradora, Loli e Sonia as auxiliares e Braulio o comandante. Os astronautas chegan a un planeta descoñecido e… atopan dous extraterrestres!

Os Bolechas van a Lolilandia transcorre na praia a onde vai a pasar o día a familia. Loli métese no mar e descobre unha illa á que lle pon o seu nome: Lolilandia. A xemelga dedícase a explorar os seus novos dominios e non deixa entrar aos irmáns, pero cando se dá de conta a illa comeza a desaparecer…

 

Os dous títulos saen a un prezo moi especial: 7 euros, para que ninguén quede sen o seu conto este Nadal. O agasallo perfecto para os máis cativos!









Arquivos