Os Bolechas coñecen a vida dos Ancares lucenses

Este mércores presentouse no CEIP de Cervantes a guía da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, onde se mostra a riqueza natural, cultural e patrimonial deste territorio privilexiado que as administracións queren pór en valor e dar a coñecer entre a cativada. 


21 de decembro de 2017



Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá é o título da guía que onte se presentou no colexio de Cervantes. Estudantes dese centro e tamén dos de Becerreá, Navia de Suarna e Os Nogais –que acudiron convidados– puideron coñecer os Bolechas e tamén o novo libro no que os populares personaxes contan as marabillas desta reserva onde se conserva a natureza, a cultura propia e a maneira de vivir das xentes do lugar.

Precisamente a intención desta guía, ademais de dar a coñecer as riquezas deste territorio, é facer conscientes os máis cativos do privilexio que supón vivir nun lugar coma este. Así llo indicou o deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández, quen os alentou a sentirse orgullosos de formar parte da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses.

Divulgación e posta en valor

E como para valorar algo hai que coñecelo, as institucións están realizando un grande esforzo de divulgación e posta en valor dos recursos patrimoniais dos municipios dos Ancares, aumentando a súa visibilidade e difusión. Nese labor enmárcase a edición desta guía destinada tanto a favorecer a relación dos cidadáns co este entorno como achegar a Reserva a toda a cativada galega para facela partícipe da riqueza da nosa comunidade.

A Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses foi a segunda que a Unesco declarou en Galicia, no ano 2006, e é a terceira máis grande de Galicia. A súa superficie total é de 53.664 hectáreas, o que supón aproximadamente o 6% do territorio da provincia. Neste espazo natural están incluídos tres concellos da montaña lucense: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá.









Arquivos