Os Bolechas protagonizan a nova campaña do Concello de Melide para promocionar o comercio local mediante un certame de debuxo destinado a escolares de infantil e primaria do municipio.
A alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, e o concelleiro de Promoción Económica, Santos López, presentaron a campaña “Mercando en Melide” coa que o goberno local trata de promocionar o comercio local coincidindo coa celebración do Mercamelide, a feira de oportunidades do inverno.
Os protagonistas da campaña, patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, serán Os Bolechas, “personaxes moi coñecidos polos máis pequenos e, por tanto, por todas as familias galegas”, dixo a alcaldesa na presentación. Tamén Santos López aludiu á capacidade dos Bolechas de “mobilizar aos máis novos, que son os que mandan na casa” de aí a elección da popular familia para promocionar unha feira de oportunidades que xa é un referente en toda a comarca.
Ademais da propia presenza dos Bolechas no Pazo de Congresos e Exposicións de Melide o día 1 de febreiro, a campaña servirá para premiar a participación dos escolares de infantil e primaria do municipio nun certame de debuxo. Todos os centros recibirán este venres, 23 de xaneiro, unha folla de participación que entregarán a todas as nenas e nenos. Nela porán os seus datos e farán o seu debuxo, polo que recibirán automaticamente un imán dos Bolechas mercando en Melide. Ademais, só por participar, cada centro levará unha Biblioteca Básica Bolechas coa súa Muuulecha.
O venres recolleranse todos os debuxos e o domingo 1 de febreiro, coincidindo coa presenza dos Bolechas en Mercamelide, farase ás 18.00 h un sorteo entre todos os participantes no que se entregarán cinco libro-discos dos Bolechas e tres maletíns co curso de inglés completo dos Bolechas One2Three.
Ademais, en próximas datas, o Concello prevé expor todas as obras de arte dos pequenos melidenses para que todo o mundo poida gozar da arte local.