Hoxe presentouse o libro Os Bolechas van polo vieiro escolar, que distribuirá o Concello de Lugo co fin de animar a cativada a ir andando ao colexio. A iniciativa forma parte do proxecto dos Vieiros Escolares Seguros que está a promover o concello.
Os Bolechas regresan a Lugo cunha nova publicación, Os Bolechas van polo vieiro escolar. Uunha iniciativa que se enmarca na posta en marcha dos Vieiros Escolares Seguros que está desenvolvendo o goberno local. O novo libro, que foi presentado hoxe no Edificio de Novas Tecnoloxías pola alcaldesa Lara Méndez e o concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas Manuel Núñez, narra a aventura dos Bolechas durante a visita ao seu amigo Froilán, que vive en Lugo e vai andando á escola. Os populares personaxes acompáñano e así gozan dun fermoso paseo pola cidade ao tempo que aprenden a andar pola rúa correctamente.
“A través desta publicación didáctica, adaptada e divertida pretendemos achegar os máis pequenos a bos hábitos, como cruzar o paso de peóns en verde ou discorrer pola beirarrúa e non baixar á calzada”, subliñou Lara Méndez, quen agradeceu a Pepe Carreiro, por transmitir tan ben estes comportamentos e condutas. Así mesmo, fixo fincapé en que é unha publicación que pretende tamén concienciar as familias para que vexan “os vieiros como a mellor forma de ir aos centros educativos”, ademais de ser a mellor forma “de explorar a cidade, unha maneira de facelo seguro, unha maneira menos contaminante e máis respectuosa tamén co medio ambiente”, explicou da alcaldesa.
Distribuiranse máis de 1.800 exemplares nos 25 centros escolares públicos, concertados e privados do municipio, así como no Parque Infantil de Tráfico e nas escolas infantís. “Agardamos que, coa colaboración do profesorado, das familias e incluso dos comedores escolares, se traballe e se conciencie na seguridade viaria, cunha publicación como esta que foi deseñada coa pretensión de ser un material útil para traballar no eido da seguridade”, recalcou Manuel Núñez.
Os Vieiros Escolares Seguros, un lugar de aprendizaxe
Coñecer estes camiños é o primeiro paso para o éxito dos Vieiros Escolares Seguros, un proxecto co que o goberno local de Lugo quere “facer cidade”, un espazo “de aprendizaxe e ideal para o desenvolvemento das habilidades dos nenos e nenas, da súa autonomía e de ir adquirindo responsabilidades; así como a súa socialización”, indicou a rexedora, que explicou que o proxecto están arestora en fase de planificación e que a mediados de abril terán o plan, que se implantará o vindeiro curso.