Anedia presenta no Hospital de Ourense a guía dos Bolechas sobre a diabetes infantil

Os Bolechas saben o que é a diabetes é o título da nova guía presentada pola Asociación de Nenos e Xente Nova con Diabete de Galicia (Anedia) no Hospital Universitario de Ourense. A asociación elixiu este centro pola grande implicación do equipo de pediatría e súa proximidade cos pais e familias de nenos con diabete.


09 de xullo de 2019



Os Bolechas axudarán desde hoxe ao persoal de pediatría a explicarlle á rapazada diagnosticada de diabetes, en que consiste esta enfermidade, cales son seus síntomas e que coidados require, grazas a un manual que, con formato de conto, vén de ser editado pola Asociación de Nenos e Xente Nova con Diabete de Galicia (Anedia).

Con esta primeira presentación, Anedia desexa agradecer a colaboración e implicación do persoal de pediatría, de referencia no manexo desta enfermidade en Ourense, e colaborar con material propio para suavizar o impacto do diagnóstico nos nenos, e súas familias, que contan agora cun libro adaptado a súa idade, supervisado profesionais médicos e de enfermería de pediatría, que servirá para explicar, de xeito sinxelo, tanto a menores como aos adultos que están ao seu redor, que é a diabetes tipo 1 e que poden facer as persoas que a sofren tomando só algunha precaución extra.

Con este libro Anedia logra un dos seus obxectivos que era contar con material propio en Galicia, que poda servir para traballar tanto nos hospitais como nos centros educativos. O manual conta co respaldo do Servizo Galego de Saúde, que o distribuirá en todos os hospitais, e da Deputación de Coruña. 

O texto foi supervisado por profesionais da sáude, incluído o equipo de atención a diabete do Servizo de Pediatría de Ourense, e permite contar cun manual sobre diabete, desde o punto de vista da realidade das familias, e dos propios centros educativos. Con contidos e imaxes adaptadas ao público infantil, pero abarcando aspectos fundamentais, como a vida diaria, o tratamento, a nutrición e os hábitos saudables.

Na presentación estiveron Elisa López Calvo, vicepresidenta de Anedia en Ourense; o novo responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial; Santiago Fernández, xefe do Servizo de Pediatría; Gemma Novoa, pediatra responsable da unidade de Diabete Infantil, e María Jesús Ferreiro, enfermeira de Educación Diabetolóxica en Pediatría, ambas con conexión cotiá cos nenos e súas familias.









Arquivos