Esta primeira fin de semana de agosto O Pino celebra a súa XVI Festa do Galo Piñeiro, unha especie que Os Bolechas coñeceron moi ben na súa visita ao municipio que narran no novo título, Os Bolechas van ao Pino.
Promovido polo Concello do Pino para dar a coñecer as marabillas deste municipio, o novo libro dos Bolechas transcorre na ruta xacobea ao seu paso polo concello. Os Bolechas queren percorrer o Camiño de Santiago coa súa amiga Candela, que é do Pino. Mais a nena está no Concello e pídelles que vaian ata alí e, de paso, lle leven dous galos que ten na casa da súa avoa.
Son dous galos piñeiros moi testáns, e cada un quere ir por unha ruta, así que Os Bolechas divídense. Uns van polo Camiño do Norte con Cocorocó e outros polo Francés con Cacaracá. Pero aínda así os galos non andan. Os Bolechas teñen que tirar deles e pasar moitos traballos para chegar ata onda Candela.
Mentres, van coñecendo lugares ben fermosos, como as igrexas de San Xiao, Santa María de Gonzar e Santa María de Budiño, a fervenza do río Noa, a ponte romana de San Vicenzo do Pino, o camiño de Amenal ou as áreas recreativas de Vilar e Feira do Vinte, entre outros.