Seguimos a ser imaxe do envase para nenos de Aguas de Mondariz

A botella de 33 cl, cun cómodo tapón deportivo para facilitar a inxestión de auga aos cativos, pode adquirirse en supermercados e cadeas de alimentación como Gadis, Alcampo ou Eroski de Galicia.


02 de febreiro de 2015



Os seis famosos irmáns galegos, Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia, Tatá e o seu can, Chispa, seguirán sendo a imaxe do seu envase para nenos, tras a renovación do acordo entre Aguas de Mondariz e Bolanda, a editorial encargada dos Bolechas.

Con esta iniciativa, Aguas de Mondariz ofrece unha alternativa saudable e divertida para saciar a sede das nenas e nenos, coidando ao máximo as propiedades únicas e inimitables da súa auga mineral natural. En liña coas medidas adoptadas polas autoridades sanitarias para a prevención da obesidade infantil, a marca Mondariz segue apostando por hábitos de vida saudables dende a infancia.

Os Bolechas

Os Bolechas son unha familia creada por Pepe Carreiro no ano 2000 e que pronto se converteu nun auténtico fenómeno editorial na nosa comunidade, ata tal punto que en 2012 deron o salto á TVG cun espazo diario que se converteu en referente da programación infantil da cadea.

Boa proba do seu éxito é o interese das televisións autonómicas de todo o estado por esta serie ­–­emítese actualmente en máis de oito canles autonómicas– así como o salto ao país veciño. Dende este mes de xaneiro Os Bochechas, que é como se coñece esta familia en Portugal, emítese diariamente na RTP, a televisión pública de Portugal para todo o país e para os países lusófonos de África. Un éxito que Aguas de Mondariz quere compartir cos Bolechas e toda a súa gran familia.









Arquivos