Xa nas librarías dous novos títulos dos Bolechas

Os Bolechas van de voda e Os Bolechas van en burro son os novos libros en formato clásico que acaban de chegar ás librarías galegas. 


24 de xullo de 2015



Tras o éxito dos títulos editados o pasado Nadal –Os Bolechas van a Lolilandia e Os Bolechas van nunha nave espacial– Edicións Bolanda vén de sacar dous novos libros que xa están dispoñibles en todas as librarías e quioscos de Galicia ao prezo de 7 euros.

Ao igual que os dous anteriores, as novas historias de Pepe Carreiro preséntanse no formato clásico dos contos dos Bolechas: cadrados con tapas duras e imaxes a dobre páxina.

En Os Bolechas van de voda, nárrase a preparación do casamento de Sonia cun príncipe. Todos os irmáns e ata Chispa se preparan para a cerimonia e para o gran banquete. Están elegantísimos! Mais cando chegan os noivos… hai algo raro.

Os Bolechas van en burro transcorre na aldea dos curmáns dos Bolechas, Sarela, Ying e Kofi, que teñen un burro chamado Fungón. O animal “é un pouco cazurro, pero pasea moi ben”, dilles Sarela aos Bolechas. Así que deciden montar. Mais Fungón quere comer e non pasear nenos, así que terán que sacar todo o seu enxeño para convertérense en auténticos cabaleiros.

Ademais da historia, os dous libros inclúen un álbum de toda a familia Bolechas e o plano da casa, ademais de información sobre concursos, aplicacións e produtos online da popular familia. 









Arquivos