Os Bolechas estrean “A máquina do tempo”

Os Bolechas estrean este mes de marzo unha nova proposta para os máis cativos. Trátase dunha viaxe a través do tempo que Os Bolechas farán na compaña do público presente en cada actuación. 


19 de marzo de 2015



Ourense acollerá o venres, 27 de marzo, a grande estrea d’Os Bolechas na máquina do tempo, a nova proposta de Edicións Bolanda na liña do Sabichónque o ano pasado colleitou un grande éxito por toda Galicia.

Nesta ocasión os irmáns precisarán novamente a axuda do público para poder volver ao presente tras un problema cun estraño aparello que atopan e que resulta ser… unha máquina do tempo! Como ningún se atreve a estreala, teñen que rifalo e tócalles a Carlos e a Pili probar a estrambótica máquina. Os dous irmáns métense nela e os irmáns premen os botóns para mandalos ao futuro.

A máquina do tempo funciona, e Os Bolechas saen feitos uns mozos! Mais Carlos e Pili non queren ser maiores; non lles gusta ter as pernas e os brazos tan e a cabeza tan grande, e queren volver a ser nenos, así que usan de novo a máquina para volver atrás. Pero o dono do aparato, o doutor Apolodoro –un científico tiruleco ao que non lle gustan nada os cativos– tratará de impedir que Os Bolechas volvan a ser nenos. 

Asi que Os Bolechas precisarán da axuda de todo o público para enfrentarse ao científico e poder volver ao presente.

Primeiras citas: Ourense, Cambados e Santiago 

A iniciativa pretende dinamizar a nosa lingua entre o público familiar con propostas divertidas e didácticas como esta que, tras o seu paso por Ourense, chegará o sábado 28 a Cambados e o domingo 29 a Santiago de Compostela. 

Na vila do albariño a función terá lugar o sábado 28 ás 18.00 h no auditorio da Xuventude, mentres que en Santiago será o domingo 29 ás 18.30 h no Auditorio de Galicia. A partir de aquí serán moitos máis os concellos que recibirán ao longo dos vindeiros meses a visita dos Bolechas.









Arquivos