Éxito na estrea do Sabichón en Ribadumia

A estrea d´O Sabichón e Os Bolechas en Ribadumia o sábado foi todo un éxito que se repetiu o domingo en Ponte Caldelas e A Lama. A inciativa, que forma parte do programa de fomento do galego FalaRedes, percorrerá toda Galicia nos próximos meses.


12 de maio de 2014



O concello de Ribadumia acolleu este pasado sábado a estrea do concurso O Sabichón e Os Bolechas que promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A terceira proposta do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2014 chega, da man de Bolanda Edicións, en exclusiva a 48 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

A inciativa pretende dinamizar a nosa lingua entre o público familiar con propostas divertidas e didácticas como esta que, tras o seu paso por Ribadumia, chegou onte, domingo, aos concellos de Ponte Caldelas e A Lama, onde centos de cativos tiveron oportunidade de participar neste concurso infantil protagonizado pola familia Bolechas.

Pensada para nenas e nenos de 4 a 8 anos, a iniciativa simula un concurso que enfronta os irmáns Braulio e Pili, que como líderes de senllos equipos teñen que superar unha serie de preguntas e probas moi divertidas. Pero para vencer precisarán de axuda, polo que solicitarán a participación do público, convertendo a xente miúda en parte activa e protagonista da sesión.

Mediante esta estratexia poténciase a participación e identificación dos cativos coa actividade dos Bolechas, todo un referente positivo estreitamente asociado ao galego ao falar sempre na nosa lingua, tanto nos libros coma nos programas de televisión ou nos espectáculos coma este que continuará nos próximos meses a percorrer toda Galicia. As datas poden consultarse na páxina do Sabichón, www.osbolechas.gal/sabichon.









Arquivos