O Entroido chegará a todos os coles de Ourense da man dos Bolechas
A Deputación de Ourense promoveu a edición de diverso material sobre o entroido ourensán 2021, co obxectivo de que, malia as circunstancias se poida manter vivo o espírito desta celebración.
A Deputación de Ourense levará o entroido ourensán aos colexios da provincia a través da publicación Os Bolechas, o entroido ourensán 2021, unha guía e unha unidade didáctica que distribuirá a institución provincial estes días en 120 centros educativos da provincia nos que se imparten os ciclos de educación infantil e primaria e tamén en educación especial.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou a iniciativa no centro cultural Marcos Valcárcel, onde explicou que pretende “contribuír a manter vivo o espírito desta celebración”, pese á difícil situación que estamos a vivir con motivo da pandemia. Baltar destacou o protagonismo que sen dúbida ten o entroido ourensán: “Practicamente en cada recuncho do noso territorio hai unha manifestación vinculada con esta celebración tan ancestral, con identidade e características propias que a converten en singular e única”.
Un entroido que a cativada poderá coñecer aínda máis grazas ao material dos Bolechas ilustrado por Pepe Carreiro no que teñen cabida todos os personaxes do “gran parque temático de cultura e tradición ourensá como é o entroido”, tal como asegurou o presidente provincial.