Os Bolechas revolucionan Santa Comba

Ninguén se resistiu a entrar no espectacular autobús de dúas plantas onde gozar de todo o Universo Bolechas.


30 de maio de 2014



O concello de Santa Comba recibiu onte, 29 de maio, unha visita moi especial: Os Bolechas, que acudiron acompañados de todo o equipo, desde o famoso R4 e o novo autobús ata o seu creador, Pepe Carreiro, que presentou o libro Os Bolechas van a Santa Comba. O acto tivo lugar na Casa da Cultura da vila e contou coa intervención do alcalde, Antonio Landeira, e da concelleira de cultura, María Pose.

Pero a verdadeira festa tivo lugar no Campo da Feira. O mal tempo impediu realizar o pasacalles previsto entre o Ceip Barrié de la Maza e a Casa da Cultura, así que todos os nenos e nenas se achegaron ata a praza para encontrarse alí cos seus personaxes favoritos e coñecer o novo Bus Bolechas.

Alí mesmo, no Campo da Feira, estaba aparcado o espectacular autobús onde os nenos e nenas puideron gozar das múltiples actividades que ofrece, tanto na ludoteca e na zona de lectura do primeiro andar coma na sala de cine da segunda planta. Mentres tanto Pepe Carreiro firmou autógrafos aos fans xallenses, que pasaron polo Campo da Feira para saudar e fotografarse cos Bolechas.

Na nova historia da colección Guías, Os Bolechas van á Festa Celta de Santa Comba coa súa amiga Mencía. Unha festa moi divertida onde todo o mundo vai vestido de celta menos Carlos, que se trabucase de época e ten algúns problemas na fermosa vila coruñesa aínda que, coma sempre, a historia acabará ben e todos gozarán da fantástica Festa Celta de Santa Comba. 









Arquivos