Os Bolechas axudan a usar correctamente o número de emerxencias 112

Os Bolechas serán os encargados de difundir entre a cidadanía galega, e especificamente entre a comunidade escolar, o bo uso do teléfono de emerxencias 112 e o traballo do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE). O proxecto presentouse hoxe con motivo do Día Europeo do 112.


11 de febreiro de 2019



Con motivo da celebración do Día Europeo do 112, este luns 11 de febreiro a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) presentou o novo proxecto destinado a concienciar e sensibilizar a toda a sociedade galega sobre o bo uso do teléfono de emerxencias 112. Para iso a Axega botou man dos Bolechas, personaxes moi coñecidos en toda Galicia e cun gran poder de prescrición tanto no ámbito escolar como familiar, polo que son “a vía idónea para dar a coñecer e usar correctamente o número de urxencia europeo 112, co que podemos pedir axuda en caso de emerxencia en calquera país da Unión Europea”, explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na presentación deste proxecto.

Co vicepresidente estiveron na sede estradense do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axega, Marcos Araújo. Os tres, xunto aos Bolechas, explicáronlles aos escolares galegos que participaron no acto, case un centenar de nenas e nenos de dous centros estradenses, a necesidade de coñecer o teléfono de emerxencias pero tamén en que circunstancias pode, e debe, utilizarse.

Sensibilizar do bo uso do teléfono 112

Precisamente para concienciar e sensibilizar a toda a sociedade, e xa desde as novas xeracións, no bo uso do teléfono de emerxencias 112, a Xunta pon en marcha este proxecto didáctico cos Bolechas como protagonistas que se desenvolverá ao longo de todo este ano 2019. Trátase dun completo programa destinado tanto a colexios como ao ámbito familiar que inclúe guías didácticas, cadernos de traballo e material dixital e audiovisual para dar a coñecer ben o 112.

A primeira proposta é un audiovisual que se presentou hoxe e que permite achegarse de forma rápida a todo o traballo da Axega. Montado en formato BraulioTuber, permite coñecer en menos de 10 minutos tanto os medios dispoñibles en Galicia para actuar ante unha emerxencia como o propio proceso de actuación dos diversos corpos encargados da nosa seguridade e o papel da cidadanía ante unha situación de emerxencia: desde saber que é unha emerxencia e cando debemos chamar ao 112 ata consellos para poder informar correctamente nunha urxencia.

Tanto este primeiro audiovisual como o resto de materiais deste proxecto serán usados pola Axega en diversas accións destinadas ao ámbito escolar co fin de mellorar o coñecemento sobre o seu traballo, ensinar á cidadanía a comportarse correctamente diante dunha emerxencia e sensibilizar no bo uso do teléfono 112.









Arquivos