O Día das Letras Galegas esperámosvos en… Pontevea!
Este ano os Bolechas participan na gran festa organizada polos comerciantes e empresarios de Pontevea (Teo) con motivo da celebración do 17 de maio. Ademais dos Bolechas, haberá multitude de actividades, xogos e iniciativas para toda a familia
Os empresarios de Pontevea (Teo) preparan para este xoves 17, Día das Letras Galegas, unha gran festa na que participarán Os Bolechas. Os seis irmáns e o inseparable Chispa estarán na vila teense entre as 16.00 e as 18.00 horas para saudar a todos os que se acheguen a gozar desta celebración que se estenderá ao longo de todo o día, xa que o programa de actos empeza ás 9.30 h cunha ruta de sendeirismo.
Entre as 12.00 e as 14.00 h haberá pasacalles con música tradicional galega e ás 17.00 h comezará o Festival Infantil da Ponte Vella. Ademais durante todo o día haberá actividades infantís, canoas gratuítas e unha mostra con trinta casas exportadoras de produtos galegos.
A organización facilitará o aparcamento de vehículos con catro áreas sinalizadas na propia localidade para que ninguén quede sen gozar desta gran festa.