Volve… Xeitos de falarmos galego!

Moaña inaugura a segunda parte da exposición “Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego” inaugurada o pasado mes de maio na cidade de Pontevedra. A partir do luns 10 de setembro escolares e familias poderán gozar de novo da riqueza lingüística do noso idioma coa familia máis querida de Galicia.


14 de agosto de 2018



Ata o 20 de setembro estará en Moaña a mostra organizada dentro da programación do Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra e destinada a difundir a riqueza da nosa lingua por toda a provincia. A mostra, que se inaugurou o pasado 18 de maio en Pontevedra capital, pasou xa por Lalín e Vilagarcía de Arousa e tras as vacacións de verán, volve esta semana con parada no paseo marítimo de Moaña, onde poderán verse en horario de mañá e tarde ata o día 20 deste mes.

A exposición

A través dun divertido percorrido a persoa que visite a mostra poderá descubrir a riqueza do idioma galego ao longo e ancho do país, con actividades e xogos que introducen a rapazada no universo Bolechas. Ademais de participativa e didáctica, tamén é inclusiva e multisensorial atendendo ás necesidades de todo tipo de persoas, incluso as que teñan algún tipo de dificultade ou discapacidade. Dividida en varias áreas con diferentes enfoques, actividades e propostas, o obxectivo común é fomentar a aprendizaxe e uso do idioma a través do xogo e a experimentación.

Temas todos que teñen cabida nesta mostra sobre a riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás. Así o destacou Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua, ao recordar que “son os nosos pais, nais, avós e avoas as que preservaron realmente o idioma e as que conseguiron que se manteña vivo ata hoxe en día con todas as súas especificidades”.

Máis lugares e datas

Moaña é a primeira parada deste novo percorrido da mostra dos Bolechas que continuará ata final de ano polas vilas pontevedresas. As próximas citas serán na Estrada, na Cañiza, en Caldas de Reis, en Tomiño, en Ponteareas e en Vigo.









Arquivos