Os Bolechas deportistas inauguran a súa xira “olímpica”
A familia máis famosa entre a cativada galega inaugura a súa xira de verán “Os Bolechas deportistas e a súa Radiolímpica”. É a terceira edición desta iniciativa, durante a cal visitarán unha quincena de concellos galegos co principal obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudables entre os máis cativos. A actuación inaugural tivo lugar o pasado 14 de agosto en Porto do Son.
Nesta nova odisea, os irmáns dan a coñecer diferentes disciplinas deportivas na súa “Radiolímpica”, co gallo da celebración das Olimpíadas en París, e animan ao uso do galego durante a súa práctica viaxando nunha caravana itinerante. Con todo, os Bolechas viaxarán por toda a xeografía galega coas súas aventuras para ensinar as vantaxes de practicar deporte e levar unha vida activa.
“Os Bolechas deportistas e a súa Radiolímpica” é un espectáculo ao aire libre que combina o teatro de monicreques con explicacións, preguntas e probas pensadas para que participen nenos e nenas de 4 a 9 anos e as súas familias. Nesta nova proposta, os Bolechas pretenden promover o uso da lingua e cultura galegas, así como dinamizar o ocio en galego a través da aprendizaxe e o lecer. Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A través dun teatro de monicreques e outras actividades complementarias a pé de rúa como sorteos de libros, a iniciativa pretende espallar a sabedoría e as ganas de pasalo ben que acompañan a familia, así como fomentar o uso da lingua galega no ámbito deportivo. Os Bolechas Deportistas contribúen a fomentar o idioma galego e a importancia de exercitarse entre as nenas e os nenos para levar unha vida activa.
Unha quincena de concellos
Cun total de quince actuacións, o concello de Porto do Son será a primeira parada da familia o 14 de agosto, seguido de Poio, Cortegada, Folgoso do Courel, Baiona, O Pereiro de Aguiar, Bande, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Arzúa e A Peroxa. A derradeira excursión dos Bolechas será o sábado 31 de agosto, no municipio de Ponteareas.
14 de agosto. PORTO DO SON. 21 horas. Praza de España
15 de agosto. POIO. 20 horas. Porto de Raxó
16 de agosto. CORTEGADA. 20 horas. Praza Bos Aires
18 de agosto. FOLGOSO DO COUREL. 18 horas. Praza do Concello
19 de agosto. BAIONA 20 horas. Praza do Concello
22 de agosto. O PEREIRO DE AGUIAR. 12 horas. Ceip Plurilingüe Ben-Cho-Shey
22 de agosto. BANDE. 20 horas. Praza da Constitución
25 de agosto. VIGO. 12 horas. Museo do Mar
25 de agosto. VILAGARCÍA DE AROUSA. 19.30 horas. Praza de Galicia
28 de agosto. ARZÚA. 12 horas. Praza de Galicia
30 de agosto. A PEROXA. 12 horas. Recinto Feiral da Peroxa
31 de agosto. PONTEAREAS. 19 horas. Praza Maior
14 de setembro. MONDARIZ. 19 horas. Praza de España
15 de setembro. O PORRIÑO. 18 horas. Praza Arquitecto Antonio Palacios