'Historia de Galicia', a nova colección dos Bolechas

A biblioteca “Historia de Galicia” divulga os distintos períodos históricos de Galicia, dende a Prehistoria ata os tempos actuais, a través de 24 tomos e unha serie audiovisual.


12 de decembro de 2024



Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024.-  Esta mañá o Museo Pedagóxico de Galicia acolleu o acto de presentación do novo proxecto “Os Bolechas. Historia de Galicia“ composto por un total de 24 tomos e un formato de serie audiovisual. A xornada contou coa asistencia de máis dun cento de escolares dos centros educativos de Ordes e Frades acompañados polo secretario xeral da Lingua, Valentín García; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela; o director de Proxección Social de CRTVG, Xaime Arias; e o representante de Edicións Bolanda, Antonio Couto.

A colección “Historia de Galicia” nace como continuación ao labor iniciado hai 25 anos e co propósito de ofrecer á cativada de educación infantil e primaria lecturas que reflictan os sinais de identidade da nosa terra, como son a lingua e a cultura. Logo da colección ‘As miñas primeiras Letras Galegas’, baixo o paraugas da Real Academia Galega, este proxecto da paso á segunda biblioteca infantil dos Bolechas, neste caso sobre a historia de Galicia. Deste xeito, búscase fomentar o interese polo coñecemento da nosa historia e os modos de vida dos nosos antepasados entre a mocidade, facendo un percorrido polas distintas etapas históricas.

Durante a presentación, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou o valor lingüístico, cultural e pedagóxico da iniciativa "que permitirá achegar de maneira lúdica e desde o galego á cativada e ás familias a nosa historia, persoeiros, tradicións e idiosincrasia". García incidiu "no valor destas novas ferramentas que presentamos da man dos referentes galegofalantes animados máis famosos de Galicia, os Bolechas", nun proxecto "no que os libros no seu formato máis tradicional se complementan desde o espazo Xabarín, para animar tamén á lectura e ao consumo audiovisual galego e en galego da nosa xente máis miúda, de acordo cos nosos obxectivos de reforzar e seguir incentivando o coñecemento e uso do galego nas primeiras idades", concluíu.

Pola súa banda, o presidente de Caixa Rural Galega amosou a súa satisfacción por participar nun proxecto en colaboración coa Xunta de Galicia “que é unha conexión profunda coa nosa cultura e coa nosa historia través dos ollos duns personaxes que se converteron nun símbolo da nosa identidade e as nosas tradicións”, sinalou. Manuel Varela destacou igualmente os máis de sete anos de colaboración cos Bolechas para contribuír á transmisión dos valores culturais de Galicia ás novas xeracións, “para agradecer finalmente a todos os que fixeron posible esta colaboración e aos creadores dos Bolechas, o logro de transmitir o espírito galego a través dos seus personaxes, ademais de preservar e compartir a cultura e a historia de Galicia”, nas súas palabras.

Ademais da proxección dun vídeo da nova serie de animación, os escolares puideron participar en diversos obradoiros e talleres acompañados dos Bolechas corpóreos. Como todo o material dos Bolechas, este proxecto posúe un claro compromiso educativo co fin de achegar ás nenas e aos nenos a vida dos antepasados dunha maneira sinxela, amena e de fácil comprensión. Ao longo dos distintos períodos históricos, os Bolechas percorrerán os espazos, lugares e características da época para amosar como vivían e se relacionaban os nosos devanceiros, os seus costumes, e as construcións típicas como pazos, igrexas, ou mosteiros.









Arquivos