Os Bolechas van en carriño e Os Bolechas ven unha moura son os dous novos libros en formato clásico que se atopan xa á venda en librarías e na tenda online dos Bolechas.
Bolanda vén de editar dous novos títulos da colección Formato Clásico: Os Bolechas van en carriño e Os Bolechas ven unha moura. Como é habitual, ambos os dous preséntanse en formato cadrado con tapas duras e imaxes a dobre páxina.
En Os Bolechas van en carriño Pepe Carreiro narra un paseo dos Bolechas pola rúa coa súa nai. Fiel ao estilo destes contos, onde se relatan sempre situacións da vida cotiá facilmente recoñecibles para as cativas e cativos, o “paseo” vaise complicando para rematar cunha exhausta mamá que deberá buscar solución ás trasnadas dos irmáns.
Os Bolechas ven unha moura transcorre na casa dos curmáns da aldea. Antes de durmiren, Sarela cóntalles unha historia dunha moura, unha moza encantada e guapísima que aparece nas fontes pola madrugada. Coa leria todos adormecen, menos Braulio que ficou marabillado coa historia e que será testemuña dunha espectacular aparición…
Ademais da historia, os libros inclúen un álbum da familia e o plano da casa, ademais de información sobre concursos, aplicacións e produtos online. Estes títulos únense aos oito xa publicados na colección Formato Clásico: Os Bolechas dormen na casa dos curmáns, Os Bolechas van de hotel, Os Bolechas van ao parque acuático, Os Bolechas van á neve, Os Bolechas van de voda, Os Bolechas van en burro, Os Bolechas van a Lolilandia e Os Bolechas van nunha nave espacial.
Todos os títulos da colección, incluídos os dous últimos lanzamentos, poden atoparse en librarías e quioscos galegos e na Tenda dos Bolechas ao prezo de 7 euros.